Political Mail Art: Definición

Voltar

O Political Mail Art (PMA), que debe traducirse por «Arte do correo político» (ACP), lévoo practicando dende o ano 1995 e defínoo da seguinte maneira:

O PMA é aquela actividade artística derivada do Mail Art que conleva a expresión e representación de ideas e conceptos a través de entidades físicas ou virtuais peculiares, tales como obxectos, debuxos, imaxes, fotografías, palabras, etcétera; independentes, ou non, dos valores estéticos e dos canons de beleza. Estas entidades remítense por correo postal ou electrónico [neste caso denomínoo Political Email Art (PEMA)] a unha ou varias persoas (incluso a un mesmo), coa intención primordial de incitar de forma manifesta ou sutil (por exemplo mediante un selo peculiar, unha expresión en calquera idioma, unha letra nun ou outro alfabeto, un borrón máis ou menos aparente, unha desapercibida dobrez…, ou co mesmísimo branco) á reflexión e/ou á acción políticas.

Outra variante do Political Mail Art, ademais do citado Political Email Art, é o Religious Mail Art (RMA) ou Arte do correo relixioso (ACR). O RMA está presente cando o ente físico ou virtual que achegamos vía correo postal ou electrónico connota unha interpretación crítica dunha crenza ou manifestación relixiosa.

Os destinatarios do PMA e do RMA poden ser reais ou inexistentes. Neste último caso asegúrase unha viaxe de ida e volta do envío (o mesmo ocorre cando, polo motivo que sexa, este é rexeitado polo destinatario), de modo que pasará por máis mans, aumentando así o número de persoas suceptíbeis de coñecer a súa existencia e incrementando a probabilidade do seu extravío; sempre interesante xa que o azar, fortuíto ou provocado, é fundamental en todo proceso destrutivo-creativo.