A loucura do beixo

Voltar

Podería ser o nome dunha nova enfermidade mental. Porque non pode ser outra cousa.

Trinta e dúas nacións enfróntanse nunha competición deportiva na que tan só unha resulta gañadora.

Sendo o ser humano un animal pasional, debido aos resultados obtidos, os perdedores laméntanse, aflíxense, e mesmo choran; mentres que os vencedores explotan de alegría.

Bótanse a rebolos polo céspede, quítanse a camiseta, abrázanse, belíscanse, tócanse os ovos ou o cono, que é a expresión corporal máis potente do triunfo, e… ¡até se bican!

Sen orde nin concerto, sen protocolos. ¿Quen pensa niso? ¡Somos os putos campións do mundo! ¡Somos as putas campioas do mundo!

Pero eche aquí (non se sabe se por aburrimento, por estulticia ou por intereses espurios; quizais por todo iso) que o máis toleirán de todos consegue inocular aos demais que nesta ardentía provocada pola merecida vitoria hai algo que non é que non estea ben, senón que é un crime de lesa humanidade.

Se hai unha cousa que se transmite a maior velocidade que a luz no baleiro é a idiocia a través das redes (in)sociais. Debido a que a estupidez é un virus que todos portamos nos nosos cromosomas, sexamos simples cidadáns, ministros, xefes de goberno, dirixentes deportivos ou líderes relixiosos. Este fenómeno xa o explicou en detalle, fai cincocentos anos, o gran Erasmo de Róterdam no seu coñecido ensaio «Eloxio da loucura» ou «Eloxio da necidade».

Contra ela non se coñece outra vacina que a ponderación, o bo xuízo, a sensatez, a cordura… En definitiva, o imperio da razón sobre a absurdeza.

Esperemos que non nos teñamos que enfrontar a unha guerra, nin a unha crise económica, nin a un desastre de dimensións xamais vistas. Porque son problemas que non se solucionan [e que non se crean (¿ou si?)] cun simple beixo.

Xa sexa na boca.

Xa sexa no censo.

 

 




© Xabier Vila-Coia - 2021 · Contacto