Metadatos

Voltar

Título

«COVID-19»


Referencias editoriais e descrición física

Autor: Xabier Vila- Coia

Editorial:  Lapinga Ediciones

Data de publicación: xullo do 2021

Lugar de edición: Madride

Formato: 25 cm × 19 cm (formato  apaisado)

Lombo: 2,5 cm

Peso: 1.329  g

Número de páxinas: 364 (a toda cor)

Tirada: 137 exemplares

Papel da cuberta: cartolina  estucada mate de 350  g/m2

Acabado da cuberta:  laminado mate  anti-scratch

Técnica de impresión da cuberta:  offset

Tipografía da cuberta: ELLIS

Papel dos interiores: papel estucado mate de 150  g/m2

Técnica de impresión dos interiores:  ófset dixital

Tipografía dos interiores: ELLIS, Consolas

Encadernación: rústica, cosida con fío vexetal

Materias: Socioloxía lingüística, filosofía da linguaxe, fotografía

Idioma: Español

ISBN: 978-84-948062-7-8

EAN: 9788494806278

DL: M-18976-2021

PVP: 80 € (IVA incluído)


Sinopse:

«COVID-19» é unha obra concibida polo seu autor durante o confinamento establecido polo goberno de España no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19; situación excepcional que se estendeu dende o mesmo día 14 de marzo até o 21 de xuño de 2020. Foi neste período temporal no que se tomaron as fotografías que a constitúen, a maioría contravindo as prohibicións do citado Real Decreto.

O libro intégrano cento sesenta e oito imaxes dun total de máis de sete mil captadas na cidade de Madride.  A selección fíxose baixo a premisa de que todas haberían de conter texto; excepto na cuberta e nunha páxina dos interiores, non se reproducen instantáneas só con persoas, nin tampouco escenas de rúa sen presenza de palabras escritas. Esta decisión adoptouse porque en COVID-19 a palabra é a protagonista, non a imaxe.

Durante o estado de alarma difundíronse dous tipos de mensaxes capitais:

Por unha banda están os oficiais, os comunicados do poder e dos expertos (que non son o obxecto de estudo desta investigación), cuxo último propósito foi atemorizar á xente para que obedecera cega e absolutamente as súas imposicións. Doutra banda temos as mensaxes das empresas, os traballadores autónomos, os pequenos comerciantes e, como non, os de persoas anónimas; en xeral, caracterízanse polo contrario, por tratar de escorrentar o medo e transmitir ánimo e esperanza ademais de, en moi contadas ocasións, acedas críticas ao labor do goberno e das forzas e corpos de seguridade do Estado. Todas estas mensaxes fixéronse públicas en distintos soportes: escaparates e pantallas de negocios privados, portas e portelos de institucións, columnas e paredes de edificios, balcóns e xanelas de domicilios particulares…

Así pois, COVID-19 non é un libro de  epidemioloxía, nin de viroloxía, nin tampouco de fotografía artística, senón un traballo de socioloxía lingüística e de filosofía de linguaxe no que podemos atopar aplicacións prácticas dos «xogos da linguaxe» que Wittgenstein descrebe con minuciosidade nas súas Investigacións filosóficas.

En efecto, nos textos das fotografías advírtense xogos da linguaxe ao redor das preocupacións, os temores, as dúbidas, a pesadume e as consecuencias xerados na poboación pola pandemia; e sobre as decisións adoptadas polas autoridades de toda índole e lugar para tratar de atallala, pero tamén vinculados a sentimentos de confianza e a desexos de superación da traxedia. Estes xogos teñen unha orixe diversa e os seus protagonistas son axentes privados e públicos, persoas e organizacións: estudantes, perruqueiros, tendeiros, hostaleiros, mecánicos, libreiros, cines, teatros, museos, universidades, xulgados, etcétera.

O obxectivo deste ensaio fotográfico-textual é coadxuvar a que os cidadáns tomen conciencia da importancia que ten a forma en que empregamos a linguaxe, moito máis transcendente que a súa propia significación debido a que non é a lingua per se a que nos conforma a mente dunha determinada maneira, senón a utilización finalista que dela fan as ideoloxías de todo tipo: políticas, relixiosas, educativas, intelectuais, morais, xudiciais, sanitarias… De aí o supremo afán de todas elas por impoñer o uso da lingua que aos seus fins interesa.


Solicitude de exemplares:

lapinga.ediciones@gmail.com