8 de marzo: Día Internacional da Muller (sen ganas)

Volver

Os tempos que corren... de tanto que corren, atropélannos. Cada vez realízanse enquisas do máis insospeitadas. Hai varias semanas publicouse unha na que se afirmaba que un terzo das mulleres novas catalás accedían a ter sexo sen desexalo. Ante o cal, medios de comunicación e xornalistas puxeron o grito no ceo mentres os responsábeis da «investigación» apresuráronse a esixir unha materia que inculque a sexualidade tal e como eles concíbena. Como é habitual, aos homes non se lles fixo ningunha pregunta de ningunha clase, motivo polo que non sabemos o que pensan a este respecto nin a outros respectos.

De inicio, o que sería oportuno saber é que pretenden os que deseñan este tipo de estudos. Seica que se considere delito e castíguese co cárcere a quen practicara sexo cunha partenaire que declare que o fixo sen ganas?:

—Señor comisario, onte á noite deitei co meu marido (noivo, amigo, curmán…) e a verdade, non me apetecía o máis mínimo.

—Non se preocupe, señorita: ¡Nome e dirección!... ¡Por Deus, non me interprete mal!; agora mesmo pasámonos a buscalo e poñerémolo a disposición da autoridade xudicial para que lle faga expiar a súa culpa.

¡Hai que ver canto lembran estas conversacións aos diálogos de confesionario!

O indiscutíbel é que este método, ademais de mal intencionado —pois tenta facer crer a quen xamais o sentiu nin o pensou que se cometeu un abuso—, é erróneo xa que as relacións (non só as sexuais) no seo das parellas —heterosexuais, homosexuais, transexuais, virtuais ou de calquera natureza; persistentes, habituais, esporádicas ou fortuítas— son tan complexas que non se poden nin se deben parcelar porque a realidade é un continuum que no momento que o fragmentamos imposibilítanos coñecela e interpretala de forma correcta.

Sendo cineasta, non científico social, o gran director danés Carl T. Dreyer (1889-1968) nunha entrevista reproducida no documental The story of film sobre a súa extraordinaria película Ordet (A palabra), cuxa visualización aconsello ao lector —a poder ser nunha pantalla grande e ás escuras—, o verbaliza da seguinte maneira: «A realidade primeiro hai que comprendela para simplificala», non simplificala para comprendela (a frase sen aspas é engadido meu).

Por outra banda, aínda que non nolo pareza, as relacións de amor e amizade (repito: de amor e amizade) son necesariamente de intercambio recíproco (senón extinguiríanse), e o que nelas intercámbiase tan só incumbe aos participantes, nunca aos grupos ou asociacións políticas, científicas ou educativas, nin ao conxunto da sociedade, nin ao Estado; inda no caso de que este proclámese Estado de Dereito.

O persoal non debe transformarse, baixo ningún concepto, en político, pois iso implica someter ao individuo a un poder alleo a el nun ámbito tan íntimo como son as relacións cos demais, sen que por iso haxa que presupoñer que se estean violentando vontades ou quebrantando leis. É un totalitarismo que non debemos permitir: que se escudriñen até os máis persoais actos dos cidadáns na procura de actitudes e condutas que os nosos modernos prexuízos fannos considerar inadmisibles e, en consecuencia, teñen que ser reprimidas, criminalizadas e penalizadas dun xeito ou outro.

Utilizando un argumento ad hominem poderiamos dedicarnos a interrogar ás mulleres (novas, maduras e vellas) con que frecuencia non practican sexo desexándoo, e cal é a razón pola que non o fan. Ou, na mesma liña, inquirilas acerca de cantas veces á semana acoden a traballar sen sentir o menor desexo, soportando durante oito ou máis horas un quefacer insoportábel

O que cabería preguntarnos, sobre todo os que tanto preguntan, é que obtemos a cambio de dar o que nos piden. E se vivísemos en réximes políticos nos que de verdade a liberdade fose un dereito fundamental, atreveriámosnos a dicir ben claro e con forza: ¡Señoras e señores inquisidores, deixen á xente en paz e non se metan onde non os chaman!




© Xabier Vila-Coia - 2021 · Contacto