COVID-19

Voltar
Tapa anterior da capa do libro de Xabier Vila-Coia, titulado "Covid-19"

COMUNICADO DE PRENSA

Covid-19, sociolingüística, filosofía da linguaxe e fotografía


«COVID-19» (xullo do 2021), de Xabier Vila-Coia, é unha obra concibida polo seu autor durante o confinamento establecido polo goberno de España no Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19; situación excepcional que se estendeu dende o mesmo día 14 de marzo até o 21 de xuño de 2020. Foi neste período temporal no que se tomaron as fotografías que a constitúen, a maioría contravindo as prohibicións do citado Real Decreto.

O libro intégrano cento sesenta e oito imaxes dun total de máis de sete mil captadas na cidade de Madride; sobre todo no distrito de Moncloa, en particular no barrio de Argüelles, ademais de en Gran Vía, Porta do Sol, Chueca, Malasaña, Chamberí, Catro Camiños e o distrito de Salamanca. A selección fíxose baixo a premisa de que todas haberían de conter texto; excepto na cuberta e nunha páxina dos interiores, non se reproducen instantáneas só con persoas, nin tampouco escenas de rúa sen presenza de palabras escritas. Esta decisión adoptouse porque en COVID-19 a protagonista é a palabra, non a imaxe.

Durante o estado de alarma difundíronse dous tipos de mensaxes capitais:

Por unha banda están os oficiais, os comunicados do poder e dos expertos (que non son o obxecto de estudo desta investigación), cuxo propósito último foi atemorizar á xente para que obedecera cega e absolutamente as súas decisións.
 


Doutra banda temos as mensaxes das empresas (algunhas igualmente poderosas, inda que con intereses diferentes aos dos gobernantes e especialistas), os traballadores autónomos, os pequenos comerciantes e, como non, as de persoas anónimas; en xeral, caracterízanse polo contrario, por tratar de escorrentar o medo e transmitir ánimo e esperanza ademais de, en moi contadas ocasións, acedas críticas ao labor do goberno e das forzas e corpos de seguridade do Estado. Todas estas mensaxes fixéronse públicas en distintos soportes: escaparates e pantallas de negocios privados, portas e portelos de institucións, columnas e paredes de edificios, balcóns e xanelas de domicilios particulares…
 


Escóitanse, xa que logo, distintas voces. Está, en primeiro lugar, a «voz do medo», que nos fala a través daqueles que o senten. Tamén temos a «voz da incerteza», a da resignación, a da fe… e, mesturadas con elas, as do agradecemento e a crítica. Son voces que se diferencian polo seu contido e por quen as profire. Ás veces emítense en inglés, cando se pretende que alcancen a quen domina esta lingua.
 


Así pois, COVID-19 non é un libro de  epidemioloxía, nin de viroloxía, nin tampouco de fotografía artística, senón un traballo de socioloxía lingüística e de filosofía de linguaxe no que podemos atopar aplicacións prácticas dos «xogos da linguaxe» que Wittgenstein descrebe con minuciosidade nas súas Investigacións filosóficas.
 


En efecto, nos textos das fotografías advírtense xogos da linguaxe ao redor das preocupacións, os temores, as dúbidas, a pesadume e as consecuencias xerados na poboación pola pandemia; e sobre as decisións adoptadas polas autoridades de toda índole e lugar para tratar de atallala, pero tamén vinculados a sentimentos de confianza e a desexos de superación da traxedia. Estes xogos teñen unha orixe diversa e os seus protagonistas son axentes privados e públicos, persoas e organizacións: estudantes, perruqueiros, tendeiros, hostaleiros, mecánicos, libreiros, cines, teatros, museos, universidades, xulgados, etcétera.
 


O obxectivo deste ensaio fotográfico-textual é coadxuvar a que os cidadáns tomen conciencia da importancia que ten a forma en que empregamos a linguaxe, moito máis transcendente que a súa propia significación debido a que non é a lingua per se a que nos conforma a mente dunha determinada maneira, senón a utilización finalista que dela fan as ideoloxías de todo tipo: políticas, relixiosas, educativas, intelectuais, morais, xudiciais, sanitarias… De aí o supremo afán de todas elas por impoñer o uso da lingua que aos seus fins interesa.
 

 

Máis información acerca de «COVID-19»:

Vídeo sobre a concepción da obra

Vídeo sobre a produción material

Capa completa

Metadatos


Solicitude de exemplares:

lapinga.ediciones@gmail.com


Contacto:

xabier@vila-coia.com


 




© Xabier Vila-Coia - 2021 · Contacto